segunda-feira, 27 de maio de 2013

Un paxaro, unha dama,



Un paxaro, unha dama, un león, unha aguia, un anxo, un corazón, un
horizonte

O paxaro baila todos os días a rompente
é un paxaro pero nada nel é diferente da escuma

algún día un corazón deixará de ser escuma

un corazón
cre que é verao
e é certo
todos os días son verao
todos os días pode mergullarse no mar Negro

a liña que debuxa
o paxaro
afástase e regresa
é un ritmo
(por iso dicimos que a casa do paxaro é un ritmo)
constrúe dous hemisferios simétricos
o ecuador é a rompente
e expándese en sentido horizontal
é un deseño lanceolado

este cerebro é a casa do corazón

é a folla dunha árbore
dun álamo
pero a folla levita sobre a galla

ninguén pedirá o bautismo
ninguén lembrará ao mesías

a casa do paxaro son o álamos

Chus Pato