domingo, 2 de junho de 2013

Eros hai mil anos


Cales son as nosas raiceiras comunais eróticas e como espellaron xurídica e literariamente nas nosas vivencias sexuais no Medievo. Velaí as complexas cuestións ás que tenta responder Leda m’and’eu. Erótica medieval galaica, o documentado e revelador ensaio co que Olga Novo obtivo o XII Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal, convocado pola editorial Toxosoutos e seis concellos da contorna da ría de Muros-Noia.

Leda m’and’eu é, a non dubidalo, unha monografía afortunada, entre outras cousas pola idoneidade de quen a asina, poeta erótica ela e, tamén si, sabia analista desta temática na obra doutr@s autor@s de noso como, poño por caso, Claudio Rodríguez Fer e Uxío Novoneyra. Mais tamén é este volume un acerto innegable porque nos cumpría xa un estudo de conxunto no que fosen recompilados, balizados e integrados todos os saberes sobre as prácticas sociosexuais da nosa comunidade dende os remotos tempos prerromanos ata o xérmolo nodular do país actual que se configura ao longo de toda a Idade Media.

Neste sentido, o traballo de Novo, logo das preceptivas verbas (pre)liminares, principia cun longo tríade de capítulos nos que repasa a bibliografía existente sobre os usos e costumes sexuais nos tempos (pre)rromanos para logo estudar a viraxe que a estes imprimiron á codificación lexislativa emanada da moral relixiosa católica que, aos poucos, foi instalándose na nosa sociedade.

Da Idade de Ferro á Era cristiá, Novo revisita vellos ídolos fálicos, cultos venusianos e outros restos arqueolóxicos para desentrañar o que debeu ser a gozosa vida amatoria dos nosos devanceiros moito antes da chegada das xentes do Lacio. Xa nun segundo momento, son os textos conciliares os que serven á luguesa para radiografar o clima de represión e condena que coutou a sexualidade medieval, establecendo a homosexualidade, o adulterio e o incesto como as prácticas nefandas dignas de excomuñón e mesmo de privación da propia vida.

Secasí, toda aquela zuna represora tivo na nosa lírica das cantigas un espello biface, pois e ben é certo que moitos cantares de escarnio e maldicir reproducen a crítica desprezativa de tales prácticas sexuais, tamén o é que moitos outros parodian tal persecución e mesmo se compracen na descrición de usos eróticos entón (e, en parte, tamén agora) á marxe das convencións sociais máis puritanas: o desenfado amador de prostitutas e soldadeiras, a sexualidade compulsiva de certos frades e abadesas, a escasa plenitude de fodimalhos e o ardor dos homes cruus, mais tamén a cópula leda das adúlteras e mesmo o ocasional incestuoso percorren esta nosa lírica escarnecedora e maledicente.

De igual maneira, Novo contempla con finura analítica o gozo dos amantes que se encontran nas cantigas da migo, salientando a compracencia destes na noite de amor vivida que as albas non conseguen minorar, pois é neses e noutros cantos da maneira onde mellor se ve retratada a pulsión xocosa e bendada do amigo e a amiga que viven a súa descoita de amor. Mesmo se atreve Novo arriscando un sentido interpretativo de fondura erótica para a célebre cantiga da ‘lelia doura’ de Pedr’ Eanes Solaz.

Escrito con inmellorable dicción, a prosa da autora fai deste rigoroso estudo un volume no que, sen faltar ao prurito académico (abonda con botar unha ollada ao profuso aparato de notas ao pé de páxina ou a escolleita bibliografía citada para se decatar disto), consegue comunicar con amenidade pormenores e realidades que noutros moitos tratadistas son un somnífero infalible.

No ronsel doutros notables estudos sobre as eróticas do Medievo como os de Luz Pozo Garza ou Carlos Callón, este Leda m’and’eu confirma á de Vilarmao como unha das nosas ensaístas máis lúcidas e, ao tempo, disipa tantiña tebra como pairaba sobre dun tema de interese certo como o da erótica medieval galaica.